top of page

Seso Durán: “Ser humano é aburridísimo”

O cantautor marinense Seso Durán ten novo disco: “Ascensión”.  Este traballo supón a súa consolidación tras debutar en solitario con “Son da Memoria”.

Deuse a coñecer como solista cun disco que revisaba o terror vivido en Galicia tras o golpe de 1936.  Son da Memoria sorprendeu pola súa sensibilidade descarnada. A mesma que impregna o seu novo traballo, aínda que nesta ocasión xa no dirixe o seu ollar cara o pasado  - e ás súas consecuencias no presente -  e ás súas lembranzas da infancia. Ascensión marca o inicio dunha nova etapa na que Durán explora temáticas máis achegadas á actualidade.

A través dos dez cortes do álbum, o artista nos adentra na sonoridade do pop-rock en galego con letras comprometidas que falan de todo o que -como profesor, compositor e historiador- lle trae de cabeza: a violencia de xénero, a soedade nun mundo hiperconectado, o estrés da vida dixital, o amor incondicional, a indentidade galega, a crise ecolóxica… O título do álbum xorde dunha reflexión moi persoal: “Ser humano, simplemente humano, é aburridísimo, dalgunha  maneira precisamos elevarnos: pirámides, rañaceos, relixións, récords deportivos, followers… Non abonda o de chegar a ser quen es, queremos máis; transcender, expandirnos. E todo porque sabemos que non imos durar, nin nós nin nada do que fagamos. Esa contradición fenomenal é a que, aos meus ollos, reflicte a portada do disco”.

Este novo traballo está producido, gravado e mesturado por Iago Lorenzo (Presumido, Furious Monkeyhouse, Voltaica, Heredeiros da Crus…), quen tamén aportou as súas guitarras e ambientes ao teclado;  masterizado por Robin Schmitd de 24-96 Mastering Studio (Liam Gallagher, The 1975, Paul Weller, Keane…) e editado por Inquedanzas Sonoras. O deseño gráfico é obra de Guillotina Estudio, a partires dunha fotografía de Esther Medraño. 

O resultado é un disco elegante e ávido de contacto: “A idea era que soara a banda tocando en directo, que a distancia entre o disco e o palco fose moi pequena”, resume Seso. Para logralo, contou coa colaboración de José Bruno (batería con Andrés Calamaro,  Leiva e Joaquín Sabina) e Manu Conde (guitarrista en Milladoiro), cun elenco que completaron os coros de Olga Lalín, Sabela Cereijo, Laura Taka e Sandra Lima.

Seso Durán iniciou a súa carreira musical nos 90 como integrante e compositor no grupo folk Liorna. Tras 10 anos alonxado dos escenarios, nos que centrou a súa actividade profesional na docencia da música, en 2017 debutou en solitario co disco Son da Memoria - presentado no Culturgal dese mesmo ano -  xunto a músic@s como Charlie Bautista, Javier Cedrón ou Carmen Rey.

Comprometido coa innovación, Seso ten obtido numerosos recoñecementos dentro e fóra de Galicia polos seus proxectos educativos e é un invitado habitual en destacados  foros pedagóxicos e culturais   como a Universidade de Santiago de Compostela ou a Universidade Autónoma de Madrid.

bottom of page